Wednesday 24 de April de 2024

O concello de Santa Comba recibirá máis de 110.800 euros para actuacións ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental


A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá o concello para coñecer os traballos de recuperación da praia fluvial de Esmorode

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o concello de Santa Comba para coñecer de primeira man as actuacións que este municipio realiza ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. Á visita tamén acudiu o alcalde de Santa Comba, David Barbeira. Este concello ten recibido nos últimos anos máis de 1,3 millóns de euros a través das distintas liñas de axudas da Vicepresidencia.

No marco das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, o concello de Santa Comba recibirá máis de 110.800 euros. Por unha banda, a Xunta destinará 79.512 euros ás obras de recuperación da praia fluvial en Esmorode e á realización de traballos ambientais. A actuación inclúe a recuperación da praia con aporte de area, a rehabilitación dos aseos, a dotación de mobiliario urbano, a sinalización con dous paneis de madeira e a adecuación ao entorno.

O Goberno galego financiará ademais con esta partida actuacións ambientais de recuperación do medio natural ou degradado coa erradicación de vertedoiros incontrolados, traballos de acondicionamento en áreas recreativas e espazos verdes e medidas destinadas á prevención de incendios como a limpeza, o desbroce e a xestión da biomasa forestal nas marxes de camiños e vías de comunicación.

Por outra banda, tamén a través destas subvencións, o concello de Santa Comba percibirá outros 31.385 euros para a mellora da eficiencia enerxética nos alumeados públicos compartidos co Concello da Baña.

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que con estas axudas os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns.
O concello de Santa Comba recibiu nos últimos anos máis dun millón de euros do Fondo de Compensación Ambiental, unha iniciativa posta en marcha en 2010 que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións realizadas son financiadas a través do canon eólico. As axudas van destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración do medio ambiente e o reequilibrio territorial.
En virtude deste fondo, a Xunta concedeu axudas en Santa Comba a proxectos de saneamento, de mellora da eficiencia enerxética no alumeado público, á instalación solar térmica no complexo deportivo e na piscina municipais e á adquisición de equipamento para actuacións medioambientais e para a mellora do entorno natural.